Atención asociacións! Chegou a administración electrónica (obrigatoria)

O pasado mes de outubro entrou en vigor a Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Esta lei obriga, entre outras cousas, ás persoas xurídicas a relacionarse electronicamente coas Administracións Públicas. Inclúense as asociacións, as sociedades civís, as comunidades de bens, as herdanzas xacentes e as comunidades de propietarios. Esta relación electrónica comprende tanto as notificacións como a presentación de documentos e solicitudes a través do rexistro. A presentación de liquidacións e autoliquidacións continuarase facendo como ata agora, por non estaren afectadas pola lei 39/2015.

As presentacóns de documentos e solicitudes dirixidas á Agencia Tributaria deben realizarse obrigatoriamente a través do rexistro electrónico (www.agenciatributaria.gob.es).

As asociacións deben solicitar a sinatura dixital para poderen obter os certificados a través da rede. Describimos os pasos que deben seguir:

  • Solicitar, na web da Fábrica Nacional da Moeda e Timbre, a sinatura dixital de representación de persoa xurídica.
  • Co código que a FNMT nos envía ao correo:
    • solicitar cita na AEAT para certificado dixital
    • levar á AEAT copia dos Estatutos e da última acta na que se designou Presidente/a
    • (debe asistir persoalmente o Presidente ou Presidenta)

O incumprimento desta obriga pode ser constitutivo da infracción tributaria contemplada no artigo 199 da lei 58/2003, do 17 de decembro, General Tributaria, que establece a imposición dunha sanción consistente nunha multa de 250 euros.

Ademais, cómpre ter en conta os seguintes consellos técnicos: o certificado dixital hai que solicitalo e descargalo dende o mesmo ordenador e co mesmo navegador (despois podemos gardalo nunha memoria USB). Ademais, recoméndase que ao acceder á web da FNMT se configure o navegador que usaremos coa aplicación que hai alí dispoñible para evitar despois problemas coa descarga.

Exclúense desta obriga de presentación por vía electrónica as excepcións previstas no resto da normativa vixente que obrigan á presentación en papel ou soporte físico (orixinais de avais, documentos notariais, xudiciais, etc.).

Para a resolución de calquera dúbida a este respecto, Veciñanza ponse a disposición de quen precise axuda. Pódese contactar con nós mediante as vías xa coñecidas: o correo electrónico (info@veciñanza.gal), o Facebook ou persoalmente!

Share

Tamén pode gustarche...